Publicada a edición 2018 da Guía Ti Elixes!

Con motivo da realización das XXVI Xornadas de Orientación Universitaria e Profesional, a Concellaría de Xustiza Social e Coidados do Concello da Coruña vén de publicar a edición 2018 da Guía Ti Elixes! A súa finalidade é servir de apoio ao obxectivo principal destas xornadas, o de informar e asesorar ao alumnado de educación secundaria sobre a oferta de estudos universitarios, formación profesional e outros estudos non regulados, así como das saídas profesionais ao seu remate.

A Guía Ti Elixes! 2018 consta de dous documentos: un directorio de fontes de información sobre emprego e educación cos recursos máis salientables nestes dous ámbitos e unha selección das bolsas convocadas nestes dous últimos anos por entidades públicas e privadas.

A recompilación da información foi realizada polo Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña, que pon a disposición da xuventude unha asesoría educativo-profesional, a través da que se pode obter información e asesoramento neste eido e consultar as diferentes convocatorias de interese para a comunidade educativa, como poden ser bolsas, prácticas profesionais etc.