O XXIII Día da Ciencia na Rúa celébrase o sábado 5 de maio no Parque de Santa Margarida

Día da Ciencia na Rúa

O Servizo Municipal de Educación, en colaboración ca Federación de AMPAs de centros públicos, participa coa actividade Eureka (antes Pequeciencia) do Programa de Ocio Educativo, destinado a escolares de 3 a 9 anos. Tamén o fan as escolas infantís municipais Monte Alto e Os Cativos.

Cada ano anímase a participar a máis centros escolares así como a outras entidades e institucións que desenvolven a súa actividade ao redor da ciencia. Nesta edición contarase con 49 haimas, que serán ocupadas por escolas infantís, CEIP, IES, centros concertados e privados, universidades e entidades colaboradoras como o Instituto Español de Oceanografía, a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, o MUNCYT, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e Minaría Sustentable de Galicia.

Da man de estudantes e profesorado de centros educativos, poderase xogar, aprender e participar nunha gran variedade de experiencias científicas, convidando así a espertar a curiosidade pola ciencia a persoas de todas as idades, dende as 11 ás 19 h.

Levaranse a cabo gran variedade de actividades paralelas como pasarrúas pola cidade, un parque infantil, espectáculos de maxia, xogos para todas as idades (avións de papeis, carreiras de caracois, carreiras de globos, a rá, pesca ou a corda, entre outras), graffiti, papiroflexia, xadrez e un obradoiro de cestería. Ademais non faltará o xa tradicional xogo por equipos “Cocacoleando”. E todo isto será difundido a través da radio CUAC FM.

Pola celebración do 25 aniversario da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, organizadora deste evento, nesta edición a moeda oficial exclusiva para esta xornada serán os "amigos" e realizarase una fotografía desde un drón (ás 12.00h) de todos os participantes.

Os Museos Científicos Coruñeses celebrarán tamén ese día con actividades especiais e con xornadas de portas abertas nos tres museos: no Muncyt, no Castelo de San Antón e na Torre de Hércules.

Trátase dunha ocasión para participar e desfrutar con todos os experimentos, experiencias e xogos que se propoñen ao conxunto da cidadanía.

Máis información: www.amigoscc.es