Entrega de premios do concurso "Sensores 2018"

A entrega de premios do concurso "Sensores 2018" celebrarase o xoves 21 de xuño, ás 12.00 horas, no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, e acudirán a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín Garcia Gómez.

Os centros premiados son:

  • O primeiro premio ao IES de Brión polo proxecto titulado “BRIONXBOT”, realizado polo alumnado de Debuxo Técnico I, Tecnoloxía Industrial I, TIC I de 1º de Bacharelato. O profesorado que coordinou o proxecto foi: Luz Ramos López, de Tecnoloxía, e Xabier Lorenzo Abalde, de Debuxo Técnico.
  • O segundo premio ao IES Ramón Menéndez Pidal de A Coruña polo proxecto titulado “FOGUETE”, realizado por un grupo de alumnado de 2º de ESO. Coordinados polas profesoras: Paz Freire e Beatriz García.

Os premios consisten en material informático ou electrónico para os centros educativos por valor de 300 € e 200 € para o primeiro e segundo premio, respectivamente, outorgados polo Concello da Coruña.

O concurso “Sensores” está organizado pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) co patrocinio do Concello da Coruña e destinado a grupos de alumnos e alumnas, cun mínimo de dous membros, de centros educativos de Educación Primaria ou Secundaria de Galicia ata nivel de bacharelato e formación profesional de grao medio, inclusive.

Céntrase en experimentos con sensores con Arduino, Raspberry Pi, Smartphones e Tablets (Android ou IPhone) e Robots Lego ou Mbot. Pero tamén aplicacións con GPS e, porque non, Internet das Cousas, conectando en rede e coa rede os sensores.

Trátase de darlle unha nova e inesperada función a estes materiais, por exemplo, facer recollida de datos, “datalogging”, e representar os resultados de varios experimentos científicos; formular e responder con datos a varias preguntas; coñecer novas leis científicas; manexar Calc ou Excel para facer representacións gráficas que permitan tirar conclusións dos datos recollidos polos sensores, etc.

Premios "Inventa en galego 2018"

Tamén se entregarán os premios do concurso “Inventa en galego 2018”, patrocinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao que se presentaron 17 aplicacións das que o xurado considerou 12 delas para os premios.

Este ano, o gañador é o IES Blanco Amor de Culleredo coa aplicación “Bus”, que replica as liñas de bus da cidade de Coruña, e o IES Menéndez Pidal coa aplicación “Surfistas” está entre os segundos. Esta aplicación indica o estado e as condicións da mar para praticar surf en Oleiros (Bastiagueiro) e na praia do Orzán.

Mais información

http://www.igaciencia.eu/gl/node/290

https://bit.ly/2ynA2ky